Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024. A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego (CEGASAL) xunto coa Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA) convocan a xornada Economía Circular Inclusiva. Promoción da Economía Social no ámbito da Economía Circular. Este encontro terá lugar o xoves, 16 de maio de 2024, de 09:15 a 13:30 horas no Auditorio 2. Edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
Tanto os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social e as Empresas de Inserción destacan pola súa capacidade de fomentar a inclusión laboral de grupos vulnerables, como persoas con discapacidade ou en risco de exclusión. A colaboración entre a economía circular e a economía social non só fomenta prácticas ambientais sostibles senón tamén propicia un crecemento económico inclusivo que pode resultar en maior número de empregos e oportunidades para estes colectivos, potenciando ademais a innovación e o emprendemento para o desenvolvemento de negocios e procesos máis eficientes e sustentables. A partir desta base, consideramos necesario realizar unha xornada sobre a aposta da economía social pola economía circular que ten como obxectivos:
- Promocionar o coñecemento sobre a economía circular.
- Integrar a economía social como modelo empresarial clave.
- Explorar como os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social e as Empresas de Inserción empregan a economía circular para fomentar a inclusión laboral de colectivos vulnerables, promovendo emprego e prácticas sostibles.
- Explorar sinerxías entre economía circular e social.
- Estimular a creación de novas iniciativas e modelos de negocio que se aproveiten das vantaxes da economía circular e social para desenvolver solucións máis eficientes e sostibles.
Programa
O evento contará con relatorios de expertos na materia, mesas redondas e presentacións sobre as mellores prácticas no sector.
Participantes
Esta xornada está destinada a empresas que traballan na economía social e/ou na economía circular, público interesado.
FORMULARIO
Organización e colaboradores
Este evento é parte do programa de actuación 2023-2024 da Rede Eusumo, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, financiado polo Ministerio de Traballo e Economía Social. Conta coa colaboración de Viratec.